mércores, 23 de maio de 2018

Unha clase maxistral con María Rozamontes (Normalizadora lingüística do Concello de Arteixo)

Hoxe tivemos a enorme sorte de escoitar a María Rozamontes falando da toponimia e microtoponimia de Arteixo. Tamén entregou ao IES Manuel Murguía o escrito sobre os acordos tomados pola Xunta de Goberno do Concello de Arteixo. 

A profesora Teresa Seara presentando a María Rozamontes


Unha breve reseña dos acordos lidos por María Rozamontes:


CARLOS CALVELO MARTÍNEZ, alcalde – presidente do Concello de Arteixo, en relación á reclamación efectuada polo alumnado do IES Manuel Murguía de Arteixo no tocante á incorrecta denominación toponímica do municipio de Arteixo nos mapas de Google e en base ao informe emitido pola técnica de normalización lingüística en data 23 de Abril de 2018
Propoño que por parte da Xunta de Goberno Local se adopten os seguintes
ACORDOS:
1. Solicitarlle a Google que adopte a forma correcta para denominar este municipio
substituíndo a forma incorrecta *Arteijo pola forma ARTEIXO.
2. Solicitarlle asemade, que revise outra toponimia que tamén figura de forma incorrecta na súa páxina como por exemplo Encoro do *Rosadoiro (incorrecta) por Encoro do REXEDOIRO (correcta).
3. Enviarlle a Google o PDF co Proxecto Toponimia de Galicia para facilitarlle as anteditas correccións, dado que nel figuran xeorreferenciadas as formas oficiais da macrotoponimia e da microtoponimia do Concello de Arteixo, aprobadas oficialmente pola Xunta de Galicia.
4. Adherirse á reclamación do alumnado do instituto Manuel Murguía de Arteixo para que se modifique no buscador a denominación do municipio que emprega no seu servizo de mapas, xa que aparece a versión castelanizada.


Estivemos moi atentos ás explicacións da normalizadora en relación coa toponimia e a microtoponia




A normalizadora contounos algunha das hipóteses sobre a orixe do topónimo Arteixo

Os investigadores consideran o topónimo Arteixo coma unha palabra de orixe prerromana.
Para algúns é un derivado dunha raíz art-, que significaría concavidade ou depresión na superficie do chan e tamén se aplicaría para dar nome a recipientes. Pertencería, segundo esta hipótese, á mesma familia có substantivo común artesa, que Corominas explica como palabra "de origen incierto, probabelmente prerromano" , asociado co vasco artesia 'burato'. O nome de Arteixo aludiría,  á súa orografía en referencia ao 'val de fondo plano e vertentes inclinadas' que constitúe a valgada ou depresión onde se asenta a parroquia.
Outra explicación debida ao lingüista Edelmiro Bascuas, o nome de Arteixo, documentado como Artasio no século X,contería un derivado dunha raíz indoeruopea ar-, de significado hidronímico (referida ás augas, ás correntes fluviais, etc.), entón viría a ser 'un val regado por cursos de auga'. Estas dúas teorías non son contraditorias.
Outra posibilidade é que o nome dos Ártabros, etnia prerromana que habitaba a zona, estea relacionado co topónimo Arteixo. A terminación -eixo (<asio) tamén procede dun sufixo de orixe prerromana.


Para saber máis da toponimia
  • Toponimia de Galicia: ArteixoInauguración da exposición dos mapas toponímicos deste concello tivo lugar o día 2 de novembro de 2006.
  • Podes facer consultas no espazo dixital do Proxecto toponimia da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario